Friday 10 de May de 2024

Lorenzana destaca a implicación das deportistas a prol da igualdade no partido de Liga do Club Zalaeta de Voleibol


O club herculino forma parte do plan de patrocinio de equipos de alta competición femininos que promove a Xunta e acollerá en xaneiro a Copa Princesa Nacional de voleibol

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, apoiou hoxe o club feminino Zalaeta de voleibol no seu partido de liga da xornada, e puxo en valor o papel que todas as deportistas desenvolven a favor da igualdade na comunidade e a loita contra a violencia de xénero.

O club coruñés é beneficiario do Plan de patrocinio dos equipos de alta competición femininos de primeiro máximo nivel estatal de Galicia co que a Xunta quere trasladar ao mundo do deporte a implicación a favor da equidade entre mulleres e homes e de loita contra a violencia de xénero en todas as súas manifestacións.

O Zalaeta creouse no ano 1975 como Club Deportivo no seo do IES Ramón Menendez Pidal (Instituto Zalaeta) da Coruña. Na actualidade, este equipo, que xoga no polideportivo Barrio de las Flores da Coruña, desenvolve a súa actividade en torno a este deporte con equipos femininos en todas as categorías, e é o segundo equipo galego feminino de maior nivel nesta disciplina, soamente precedido do Emevé de Lugo que xoga na Superliga.

Lorenzana destacou que A Coruña vaia ser sede por primeira vez entre os días 6 e 8 de xaneiro da Copa Princesa Nacional de Voleibol que terá o club coruñés como anfitrión e congregará seis equipos da categoría de prata feminina Superliga Feminina 2.